Wednesday 24 de April de 2024

As Somozas executará reparacións nas beirarrúas de Pena de Eiriz cun investimento de 95.000 euros


• O proxecto, que acaba de saír a licitación, contempla a reparación dun tramo de preto de 1.000 metros, a canalización do sistema de iluminación e a reparación do pavimento afectado..

O Concello das Somozas acaba de iniciar o proceso de licitación do proxecto de reparación de beirarrúas no núcleo de Pena de Eiriz, na parroquia de Recemel. A actuación conta cun orzamento de 94.275 euros.

Esta intervención inclúe a disposición de 930 metros de beirarrúas na AC-861 e os traballos de demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Á súa vez, procederase á instalar baixo terra a canalización da rede iluminación pública. Unha vez finalizados os traballos iniciarase a reposición do pavimento en sobreanchos nun treito de 930 metros.

Segundo explicou o rexedor, Juan Alonso Tembrás, “esta actuación segue a constatar o importante esforzo económico e o compromiso co benestar da veciñanza do goberno local das Somozas”. “Trátase dunha intervención moi necesaria para asegurar as condicións de seguridade dos peóns dun núcleo moi próximo á saída da autovía”, engadiu.